O Club Baloncesto Arxil xogará por segunda vez a fase de ascenso á Liga Feminina Challenge, un reto maiúsculo no deportivo pero tamén no económico, e é que a entidade deportiva pontevedresa pediu axuda para poder afrontar o custo que supoñerá a súa pelexa por subir de categoría.
A fase de ascenso disputarase do 25 ao 28 de abril no Palacio dos Deportes de Utebo (Zaragoza), o que supoñerá un investimento en desprazamento pero tamén en partidas de organización e arbitraxe que deben custear todos os participantes.
"Sáenos ao redor dos 20.000 euros", calcula o directivo arxilista Lino Vázquez.
Por iso preparan unha campaña de financiamento na que se dirixirán por unha banda ás institucións pero polo outro a empresas e tamén afeccionados, que poderán achegar o seu gran de area.
"Queremos cubrir a maior cantidade posible. Sabemos que chegar aos 20.000 euros vai ser difícil", recoñece Vázquez avanzando detalles sobre unha campaña que se detallará a través da páxina web do club (www.arxil.es) e das redes sociais da entidade.