Primeiros pasos para o Pontevedra 21/22

Pontevedra
10 de xuño 2021

O club granate, con Toni Otero xa exercendo no cargo de director deportivo, comezou a moverse coa intención de falar primeiro cos futbolistas do plantel

Toni Otero e Lupe Murillo, no Estadio Municipal de Pasarón
Toni Otero e Lupe Murillo, no Estadio Municipal de Pasarón / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol puxo toda a súa maquinaria a funcionar para empezar a planificar a próxima tempada, na que competirá na Segunda RFEF.

Tras un par de días de adaptación o novo director deportivo granate, Toni Otero, empeza a mover a árbore e a esfollar a margarida sobre as diferentes cuestións que ten sobre a mesa.

Na súa presentación o responsable do novo proxecto defendeu que "las urgencias en el fútbol son las peores consejeras", polo que se tomarían tempo para tomar certas decisións como a elección do adestrador.

Outros movementos con todo non podían esperar moito máis, como as conversas cos futbolistas do plantel que terminaban a súa vinculación coa entidade e que nalgúns casos xa contan con propostas en firme doutros equipos.

Neste sentido unha das prioridades do Pontevedra pasa pola renovación dun dos xogadores máis identificados co club, Víctor Vázquez 'Churre'. Con boa predisposición por ambas as dúas partes, o acordo para a continuidade do central antóllase próximo.

Con el pasarían a ser seis as pezas do Pontevedra 21/22, sumándose aos cinco xogadores con contrato en vigor (Rufo, Charles, Oier Calvillo, Romay e Álex González) e cos que se conta, segundo confirmou na súa primeira comparecencia o propio director deportivo.

Mentres estes contactos van tendo lugar, tamén se empeza a sondar as opcións que ofrece o mercado, aínda que estas operacións chegarán despois de confirmar quen será o inquilino do banco de Pasarón.