Primeiros pasos do Froiz na súa trixésima tempada no pelotón nacional

Pontevedra
01 de decembro 2017

O equipo pontevedrés arranca o curso este venres cunha concentración á que acudirán os ciclistas galegos do equipo, ao que volve o estradense Óscar González Brea e incorpóranse grandes promesas como o pontevedrés Guillermo García

Concentración de pretempada do Froiz 2017
Concentración de pretempada do Froiz 2017 / Mónica Patxot

Non será ata o próximo mes de febreiro cando arrinque oficialmente unha tempada que será a trixésima no pelotón nacional para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, pero o equipo pontevedrés pon en marcha este venres un novo proxecto deportivo.

Os ciclistas  gallegosa do equipo foron citados para unha primeira concentración de pretempada na que o  Froiz pretende facer grupo e empezar a facer os primeiros quilómetros do curso.

Co plantel xa pechado, destaca a presenza de caras novas como o estradense Óscar González Brea, que vivirá a súa segunda etapa ás ordes de Evaristo Portela tras o seu paso polo profesionalismo en Portugal, en equipos como o Efapel ou o Sporting Tavira.

Tamén se incorporan ao Froiz grandes promesas como o pontevedrés Guillermo García Janeiro, no seu primeiro ano como sub-23 tras destacar a tempada pasada especialmente na loita contra o crono, conseguindo o título nacional da especialidade na categoría junior e sendo seleccionado por España para acudir ao Mundial.

A concentración da escuadra de Lourido arrincará este venres na sede do equipo e cunha cea na que participarán todos os deportistas para o sábado saír a rodar durante unhas catro horas nunha ruta que xa é habitual neste tipo de encontros, pola zona de Sanxenxo, A Lanzada, O Grove, Vilagarcía e Cambados.