A tempada de competición empeza a deixar os primeiros bos resultados para o Club Aromon Pontevedra, que acudiu a pasada fin de semana á primeira proba da Liga Española de Orientación 2017.
Foi na localidade alacantina de Santa Pola, onde se celebrou o Trofeo Costa Blanca e onde estiveron presentes catro orientadores do club pontevedrés entre os 1.042 participantes de 15 nacionalidades.
Na carreira de media distancia, valedoira para o ránking mundial, Alfonso Rosado e Ricardo Figueroa obtiveron un meritorio duodécimo posto nas súas respectivas categorías, M-35 e M-40. Pola súa banda na proba de longa distancia Ricardo Figueroa finalizou décimo terceiro.
PORTUGAL CITY RACE
Tamén tivo representación o Aromon na primeira das 13 carreiras que compoñen o circuíto Portugal City Race, no país veciño.
A proba desenvolveuse pola cidade costeira de Esposende e os percorridos oscilaron desde o 1,8km nas categorías inferiores ata o 7,1km na categoría senior masculina.
Á cita acudiron sete representantes do club, destacando a actuación de Ángel Soto, segundo na categoría senior, e de Luisa Sánchez, terceira en veteranos-2.