Primeiro reforzo para o Poio Pescamar, que incorpora a pivote ourensana Candela Soria

Poio
03 de xullo 2024

A xogadora, que acaba de cumprir 26 anos, chega á disciplina vermella procedente do Ourense Ontime FSF, club no que xogou as dúas últimas campañas. Na última delas marcou dez goles

Candela Soria, nun dos seus partidos coa selección española de fútbol sala
Candela Soria, nun dos seus partidos coa selección española de fútbol sala

A pivote ourensá Candela Soria converteuse na primeira fichaxe do Poio Pescamar para a próxima tempada 2024-2025. Así o anunciou o club este mércores.

A xogadora, que acaba de cumprir 26 anos, chega á disciplina vermella procedente do Ourense Ontime FSF, club no que xogou as dúas últimas campañas.

Na última delas marcou dez goles, segundo destacan desde o Poio Pescamar.

Xa estivera nas filas ourensás outros tres anos máis, entre 2017 e 2020, e entre medias militou dúas tempadas no Viaxes Amarelle, co que logrou o ascenso a Primeira División.

Os seus primeiros pasos neste deporte deunos no colexio das Carmelitas de Ourense, pouco despois de comezar a sufrir uns problemas de audición que non lle afectaron para poder alcanzar o seu soño. Sempre, iso si, co seu inseparable audiófono. 

En idade infantil uniuse ao Cidade de As Burgas. Con este equipo debutou aos quince anos en Primeira División. Foi no ano 2013 e permaneceu nel ata 2017. 

Aos seus 24 anos, Candela Soria debutou ademais coa selección absoluta feminina de fútbol sala coa que, recentemente foi tamén campioa das 'Sordolimpiadas' celebradas en Turquía.