Primeiro positivo por Covid nun equipo de Asobal a dúas semanas do inicio da liga

Pontevedra
18 de agosto 2020

Un xogador do Sinfín cántabro deu positivo en coronavirus, o que obrigou a confinar a todo o seu equipo e tamén ao Logroño La Rioja, ao que se enfrontara nun amigable recente. O Cisne, que segue sen poder adestrar en igualdade de condicións que outros conxuntos, á espera de acontecementos

Adestramento do BM Sinfín
Adestramento do BM Sinfín / BM Sinfín

A incerteza segue rodeando ao comezo da Liga Asobal, co Club Cisne á espera de acontecementos mentres se exercita en desigualdade de condicións con outros equipos da categoría ao non poder establecer contacto nos adestramentos nin disputar partidos de preparación.

Se a situación era xa de seu delicada, este martes volveuse máis complicada se cabe ao anunciar o Sinfín cántabro que un dos seus xogadores deu positivo en Covid-19 nunha proba PCR que se lle realizou antes de someterse a unha operación.

Esta situación obrigou a poñer en corentena a todo o seu equipo e tamén a outro club de Asobal, o Logroño La Rioja, co que disputaron un amigable o pasado sábado 15 de agosto.

"O positivo detectado no BM Sinfín activou o protocolo coa posta en corentena do equipo cántabro e tamén do Ciudad de Logroño, o seu rival no último amigable, que está á espera de realizar as probas", confirmou á súa vez a Liga Asobal.

O primeiro positivo en coronavirus dun xogador da máxima categoría do balonmán nacional prodúcese a só dúas semanas da data fixada para o inicio da liga, en cuxa primeira xornada está previsto que se enfronten precisamente estes dous equipos.