Comeza a ter o vento de fronte o Peixe Galego nos play-off en busca do ascenso a LEB Oro. Tras a derrota do pasado mércores ante o CD Villarrobledo, os de Llorente conseguiron, esta fin de semana, sumar dous puntos importantísimos ante o Básquet Girona. Pola súa banda, os cataláns, que pasaron á segunda fase de liga como segundos de grupo, recibiron aos pontevedreses tras perder na pista do Basket Navarra.
A primeira parte estivo moi igualada, tanto que o choque foi ao descanso cun empate no marcador (35-35). O cuarto inicial foi dos visitantes, que, apoiados unha vez máis en Gregory (25 puntos), lograron empezar o segundo con algo de vantaxe. No seguintes dez minutos, con todo, os anfitrións fixeron o posible por recortar distancias, chegando ás táboas.
Tras o paso polos vestiarios, os cataláns déronlle a volta ao electrónico. Tras un período moi igualado (15-14), puxéronse un punto por diante, o que deixaba un final de partido moi aberto, xa que calquera cousa podería pasar. Diversos erros locais aproveitados polos de Marín facilitaron a estes o sentenciar o choque cun parcial esmagador de 13-21 que lles deu a ansiada vitoria.
O vindeiro sábado, os marinenses recibirán na Raña ao CB Almansa, quinto clasificado do seu grupo, que agora se posiciona noveno nos play-off.