O Pontevedra Club de Fútbol acariña xa cos dedos o ascenso directo tras o seu triunfo contra o Llanera, a falta de catro xornadas para o final da liga.
Tanto é así que pode certificalo no seu próximo partido, aínda que non dependerá exclusivamente de si mesmo, e por iso a 'Marea Granate' activouse para estar presente o vindeiro domingo 13 de abril (17.00 horas) no Estadio Helmántico de Salamanca.
Os pontevedreses, que aventaxan en 8 puntos o Numancia na táboa con só 12 máis en xogo, necesitarían un triunfo unido a un tropezo do equipo soriano na casa fronte ao Real Ávila, nun duelo no que estará en xogo a segunda posición.
Iso si, este partido disputarase unha hora máis tarde que o do Pontevedra, ás 18.00 horas, polo que de cumprir a súa parte aos pontevedreses tocaralles esperar para saber si toca celebrar ou pospoñen a festa aínda unha semana máis.
En todo caso ante a posibilidade de ascenso matemático, desde as oficinas de Pasarón habilitouse un desprazamento organizado en autocar para apoiar ao equipo fronte ao Salamanca CF UDS.
ÚNETE Á MAREA GRANATE 🚌
— Pontevedra CF 🦴 (@PontevedraCFSAD) April 6, 2025
Anótate nas oficinas de Pasarón a partir de mañá ás 09:00 💪
Viaxe a Salamanca para o partido da xornada 31 ⚔️#NonPararAtaVoltar ♥️ pic.twitter.com/cxW84BYtxl
Terá un custo de 50 euros (entrada incluída) para o público adulto, de 43 euros para os menores de 6 a 17 anos, e de 38 euros para os menores de 6 anos.
Este autocar ten prevista a súa saída o domingo ás 8.30 horas desde o Pavillón Municipal dos Deportes.
Ademais o Pontevedra venderá desde a tarde deste mesmo luns nas súas oficinas entradas soltas para o encontro, cun prezo de 15 euros para adultos, 8 euros para afeccionados menores de 17 anos.
Será en todo caso un partido nun gran estadio e no que se espera un bo ambiente, posto que o Salamanca pelexa aínda por salvar a categoría con dous puntos de marxe sobre o play-out.