Preto de 200 participantes para a estrea da BTT Caldas Vila Termal

Umia
19 de setembro 2024

Organizada polo Club Scornabiker en colaboración co Concello de Caldas de Reis, a proba deportiva celebrarase o vindeiro domingo 22 de setembro propoñendo un roteiro circular polas pistas do Monte Xiabre con saída e chegada no centro da vila

IV Ruta BTT Cidade de Pontevedra
IV Ruta BTT Cidade de Pontevedra / Diego Torrado

Caldas de Reis será escenario este domingo 22 de setembro da primeira edición da BTT Caldas Vila Termal.

Organizada polo Club Scornabiker en colaboración co Concello de Caldas de Reis, a proba deportiva contará con preto de 200 participantes propoñendo un roteiro circular polas pistas do Monte Xiabre con saída e chegada no centro da vila "amosando a beleza da paisaxe no municipio", explica o teniento de alcalde, Manuel Fariña.

Trátase dunha ruta de ciclismo de montaña non competitiva que partirá ás 9.00 horas da mañá desde a Rúa Real.

Deseñáronse dúas opcións, cun percorrido curto de 32 quilómetros e outro longo de 45 quilómetros e ao redor de 1.500 metros de desnivel acumulado positivo.

Unha proba que se estrea no calendario pero con ganas de consolidarse, e que encaixa á perfección na aposta do goberno local por modalidades e eventos deportivos que supoñan un foco de atracción para deportistas da comarca e de toda Galicia, á vez que pon en valor a riquiza natural e patrimonial de Caldas.