Preto de 1.900 escolares pontevedreses, á carreira pola Illa das Esculturas

Pontevedra
04 de outubro 2023

Xornada deportiva como poucas a deste mércores 4 de outubro na Illa das Esculturas de Pontevedra, onde ao redor de 1.900 alumnos de centros educativos do municipio participaron no Campionato Escolar Zonal de Campo a través do Programa Xogade da Xunta de Galicia de promoción do deporte

Campionato Escolar Zonal de Campo a través 2023 na Illa das Esculturas
Campionato Escolar Zonal de Campo a través 2023 na Illa das Esculturas / Mónica Patxot

Xornada deportiva como poucas a deste mércores 4 de outubro na Illa das Esculturas de Pontevedra.

Ao redor de 1.900 escolares de centros educativos do municipio, de entre 7 e 15 anos, estaban chamados a participar no Campionato Escolar Zonal de Campo a través, proba que inaugura un ano máis o Programa Xogade da Xunta de Galicia de promoción do deporte.

Organizada en colaboración pola Agrupación Deportiva Escolar Deporte Base de Pontevedra e o Servizo Provincial de Deportes da Xunta, a actividade desenvolveuse durante boa parte da mañá deixando unha espectacular estampa deportiva a beiras do río Lérez.

Tras a cita en Pontevedra, este xoves 5 de outubro a actividade do programa Xogade trasladarase a Marín cunha nova xornada de cros prevista no Parque de Suboficiais.