Presentada a campaña de socios do Teucro para unha tempada que "vai marcar un antes e un despois"

Pontevedra
09 de agosto 2023

'Dende 1945 un anaco dá túa historia' é o lema escollido polo vicedecano para a súa nova campaña de socios, na que quere chegar "a todos aqueles que algún día sentiron orgullosos de ser do Teucro"

Presentación da campaña de socios do Teucro 23-24
Presentación da campaña de socios do Teucro 23-24

A tempada 23-24 será a segunda consecutiva da Sociedad Deportiva Teucro en Primeira Nacional, pero é un ano que "vai marcar un antes e un despois".

Así o asegurou en representación da xunta xestora do vicedecano do balonmán nacional Carlos García-Alén, na presentación da nova campaña de socios da entidade, que leva como lema 'Dende 1945 un anaco da túa historia'.

"Queremos facer ver a toda a cidadanía que son e foron parte da historia do Teucro", explica García-Alén. Por iso diríxense "a todos aqueles afeccionados que algún día sentiron orgullosos de ser deste club", e aos que queren volver ilusionar porque "é o momento de volver apostar polo Teucro", defendeu.

No que respecta á campaña de abonados, que parte co obxectivo de superar a cifra de 640 socios coa que pecharon a pasada campaña, caracterízase por manter prezos.

Desta forma o socio único deberá abonar 60 euros polo seu carné, mentres que o custo para os menores de 25 anos será de 50 euros. O carné familiar fixouse en 150 euros e o de socio protector en 175 euros. Os exxogadores e integrantes da base menores de 25 anos terán acceso de balde.

Os abonos do Teucro poderán retirarsea partir do mércores 16 de agosto na oficina do club no edificio da Xunta de Galicia en Benito Corbal, en horario de luns a venres entre as 10.00 a 13.30 horas.