Presentación 'máxica' do Waterpolo Pontevedra para a nova tempada

Pontevedra
23 de outubro 2021

O Club Waterpolo Pontevedra celebrou este sábado a presentación oficial dos equipos que competirán durante a campaña 2021-2022. Foi acto moi especial e cheo de sorpresas, onde a maxia de Carlos Tomico, de Magia en la Manga, fixo delicias aos deportistas e familiares que compareceron no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia, lugar onde se celebrou a presentación dos máis de cen deportistas que forman o club

Presentación dos equipos do Club Waterpolo Pontevedra para a tempada 21/22
Presentación dos equipos do Club Waterpolo Pontevedra para a tempada 21/22 / Cristina Saiz

O Club Waterpolo Pontevedra celebrou este sábado a presentación oficial dos equipos que competirán durante a campaña 2021-2022.

Foi acto moi especial e cheo de sorpresas, onde a maxia de Carlos Tomico, de Magia en la Manga, fixo delicias aos deportistas e familiares que compareceron no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia, lugar onde se celebrou a presentación dos máis de cen deportistas que forman o club.

Así, a partir das 11:00 horas, desde os integrantes da escola ata os equipos sénior masculino e feminino, gozaron dunha gala diferente na que tamén se rendeu unha homenaxe póstuma a Fernando 'Malecho', o que foi delegado e 'alma mater' do waterpolo pontevedrés durante moitos anos ademais de ser un dos responsables de recuperar o deporte na Boa Vila en 1998.

Debut en liga

Pero a xornada de waterpolo non termina aí. A partir das 16:30 horas chega a quenda de 'mollarse' na piscina do CGTD de Pontevedra cos equipos Absoluto Feminino, Alevín e Absoluto Masculino B no seu debut ligueiro da nova tempada ante o CW Coruña Rías Altas, que exerce de anfitrión.

Comeza a tarde co duelo de División de Honra Feminina (16:30 horas) do equipo pontevedrés, que conta este ano co reforzo das xogadoras do CW Pabellón Ourense e así asegurar a participación en todas as competicións posibles.

A continuación, ás 18:00 horas, é a quenda da Liga Galega Alevín, que serve como debut no deporte de moitos participantes, polo que será un "partido especial despois de tanto tempo sen poder gozar de partidos de base", explican desde o club

O encargado de pechar o día será, a partir das 19:15 horas, o equipo de Liga Galega Absoluta Masculina de 2ª División, formado por xuvenís e absolutos, que repetirá partido contra os coruñeses despois do duelo en Copa Galega, no que o Waterpolo Pontevedra realizou "un bo partido, polo que esperamos que continúen con esa boa progresión".