A Avenida Montero Ríos, fronte á sede da Deputación de Pontevedra, foi escenario este venres da presentación oficial da 32ª tempada do Grupo Deportivo Supermercados Froiz.
O equipo ciclista pontevedrés, un dos máis antigos do pelotón nacional, contou na cita coa presenza como padriño de honra de Manolo Saiz, ex-director do equipo profesional Once/Liberty, xunto con centos de nenos e nenas dos colexios San José e Sacro Corazón que deron cor ao acto.
"O Froiz é un club ciclista do que nos temos que sentir orgullosas e orgullosos, polos vosos éxitos deportivos e polos valores que representades", sinalou na súa intervención a presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada entre outros polo secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, o vencedor do Tour Óscar Pereiro, os alcaldes de Pontevedra e Poio ou o presidente da Federación Galega de Ciclismo, ademais de Magín Froiz.
Pola súa banda o director do Froiz, Evaristo Portela, asegurou que "o equipo está preparado para afrontar os retos que trae esta tempada", un curso que estrearán esta mesma fin de semana competindo no Memorial Manuel Sanroma na localidade manchega de Almagro.