Romay fixo saltar as alarmas no Pontevedra Club de Fútbol despois de sufrir este mércores unha preocupante lesión de xeonllo.
O centrocampista coruñés retirouse anticipadamente do adestramento dos granates despois de sufrir unha "torsión aguda do xeonllo dereito" en plena carreira e sen que se producise contacto con algún compañeiro, segundo confirma a entidade pontevedresa.
Tras unha primeira exploración os servizos médicos do Pontevedra diagnosticaron unha "escordadura de xeonllo de alto grao con afectación ligamentosa", aínda que pendente de coñecer o grao exacto da doenza.
O futbolista, que acaba de recuperarse dunha lesión muscular leve, someterase nos próximos días a unha resonancia magnética para determinar con detalle a lesión, aínda que existe o temor de que se trate dun problema físico que lle manteña afastado dos terreos de xogo durante un período considerable.
Ante esta situación, como é de supoñer, Romay causará baixa para o derbi do próximo sábado 5 de decembro fronte ao Deportivo.