Preocupación no Pontevedra pola lesión de Ángel Bastos no primeiro adestramento da semana

Pontevedra
30 de novembro 2022

O lateral tivo que retirarse da sesión celebrada na Xunqueira con claros síntomas de dor tras danarse o seu nocello dereito nunha acción fortuíta. A falta dunha revisión médica máis exhaustiva, témese por unha baixa de polo menos varias semanas

Ángel Bastos retírase do campo da Xunqueira tras lesionarse o seu nocello dereito
Ángel Bastos retírase do campo da Xunqueira tras lesionarse o seu nocello dereito / PontevedraViva

Prometíallas felices o Pontevedra Club de Fútbol este mércores no regreso ao traballo tras a vitoria balsámaica lograda o pasado domingo en Ceuta. Por primeira vez en toda a tempada todos os futbolistas aparecían como dispoñibles para o técnico, Antonio Fernández, ao reintegrarse ao grupo Oier Calvillo tras un par de semanas fóra de combate e non contar con sancionados.

As risas e o bo ambiente dominaban a sesión, na que se empezaba a preparar a visita do próximo domingo 4 de dicembre (17.00 horas) do Racing de Ferrol ao Estadio Municipal de Pasarón, ata que un nuboeiro sobrevoou o segundo campo do complexo deportivo Manolo Barreiro da Xunqueira.

A falta de media hora para finalizar o adestramento, nunha acción fortuíta, Ángel Bastos caeu ao céspede tras danarse no seu nocello dereito, nunha escena acompañada de berros de dor e rabia.

O lateral, un dos tres únicos xogadores do plantel que foi titular en todas e cada unha das 13 xornadas de liga ata a data, tiña que retirarse da sesión visiblemente afectado e con problemas para apoiar o pé.

Tras unha primeira valoración no propio campo a lesión esperta preocupación no seo do club, e é que a falta de profundar na exploración para determinar o alcance exacto da doenza, a súa presenza esta semana contra o Ferrol parece imposible, teméndose mesmo que a súa baixa se prolongue durante varias semanas facendo complicado que volva competir no que queda de ano.