Positivo primeiro test de pretempada para o Leis, superando ao Santiago Futsal (6-3)

Pontevedra
14 de outubro 2020

O primeiro amigable de preparación dos pontevedreses disputouse a última hora do martes no pavillón de Monte Carrasco, en Marcón

Equipo do Leis na amigable fronte ao Santiago Futsal
Equipo do Leis na amigable fronte ao Santiago Futsal

Pouco máis de 10 días de adestramentosbastaron ao Leis para deixar boas sensacións na súa estrea, o primeiro encontro de preparación dunha atípica e curta pretempada.

O pavillón pontevedrés de Monte Carrasco, en Marcón, foi o escenario do primeiro amigable dos de Mikel Destro, tendo como rival a un equipo de superior categoría como é o Santiago Futsal, da Segunda División.

O duelo comezou con dominio visitante, traducido nun 0-2 nos primeiros compases, pero o Leis recortou distancias e a punto estivo de empatar antes do descanso.

A igualada chegou ao comezo do segundo acto, respondendo o Santiago co 2-3.

De novo os pontevedreses puxeron o empate e agarráronse ao partido a pesar de colocarse moi pronto con cinco faltas. Esa situación permitiu aos visitantes varias opcións desde o dobre penalti. Non estiveron acertados e o que chegou foi a remontada final dun Leis que terminou vencendo por 6-3 grazas ao seu maior acerto desde os 10 metros, xa que os seus dous últimos tantos viñeron en accións de dobre penalti.

Un resultado e unha imaxe en todo caso que reforza ao Leis Pontevedra para unha Segunda División B que ten previsto iniciarse o próximo 24 de outubro, cunha primeira xornada na que recibirán na casa ao Cidade de Narón.