Positivo inicio de liga para o Team Thunder

Marín
02 de decembro 2019

O club marinense estreou en Ourense a Liga Galega de Formas de  Boxeo, na que foi a entidade con maior representación de deportistas

Deportistas do Team Thunder na xornada da Liga Galega de Formas en Ourense
Deportistas do Team Thunder na xornada da Liga Galega de Formas en Ourense / Team Thunder de Marín

O Pavillón Paco Paz da cidade de Ourense foi escenario a fin de semana da estrea de tempada na Liga Galega de Formas de Boxeo.

O inicio non puido ser máis positivo para o Team Thunder de Marín, o máis numeroso en canto a representación cun total de 35 deportistas participantes.

Os novos púxiles, desde a categoría prebenxamín ata a cadete, enfrontáronse a unha competición na que demostraron a súa pericia en catro probas: corda, sombra, saco e manoplas. 

No medalleiro marinense destacou o ouro de Laura Santiago en 15-16 anos, as pratas de David González en 15-16 e de Leo García en -8 anos e os bronces de Yohana Jiménez (15-16), Lucas Hermida (11-12), Martín Grandio (-8) e Sofía Soto (-8).

Tras esta cita, o Team Thunder xira agora a súa atención cara ao Campionato de España de Xóvenes que se disputará na localidade murciana de Los Alcázares e no que estará presente o seu púxil Amancio Martínez dentro da Selección Galega.