Portugal, próximo destino do CW Galaico na súa preparación de pretemporada

Pontevedra
26 de setembro 2013

O Club Waterpolo Galaico Pontevedra xa leva tres semanas de adestramentos de pretemporada con todos os seus equipos traballando con ganas de comezar as súas respectivas ligas. Para continuar coa súa preparación, o vindeiro sábado 28 de setembro os equipos absolutos masculino e feminino do club pontevedrés viaxarán a Portugal onde xogarán dous partidos cada un

Stage do CW Galaico contra un equipo portugués durante a tempada pasada
Stage do CW Galaico contra un equipo portugués durante a tempada pasada / Club Waterpolo Galaico Pontevedra

O Club Waterpolo Galaico Pontevedra xa leva tres semanas de adestramentos de pretemporada con todos os seus equipos traballando con ganas de comezar as súas respectivas ligas. Para continuar coa súa preparación, o vindeiro sábado 28 de setembro os equipos absolutos masculino e feminino do club pontevedrés viaxarán a Portugal onde xogarán dous partidos cada un.

Pola mañá, os do Lérez desprazaranse a Porto, onde xogarán co Clube Fluvial Portuense, co que xa compartiron experiencia a tempada pasada en Pontevedra.

Ás 11:00 (hora portuguesa) comezará o partido feminino, no que ambos equipos alinearán a xogadoras moi novas e algunhas absolutas con pouca experiencia. O CW Galaico Pontevedra só poderá viaxar con nove compoñentes ao contar cun plantel moi curto, pero que está adestrando con moitas ganas.

Ás 12:30 horas comezará o partido de categoría absoluta masculina. O CW Galaico Pontevedra medirase ante un equipo moi potente que a tempada pasada chegou a semifinais polo título de liga portuguesa de primeira división. Será un bo partido para comprobar o nivel do equipo, que esta tempada terá un plantel máis curto debido a algunhas baixas e os máis novos deberán asumir máis responsabilidades.

Despois de comer, o CW Galaico Pontevedra desprazarase a Lousada. Alí medirase ao Lousada Século XXI, club que xa visitou Pontevedra hai uns anos. Ás 16:30 horas ambos equipos xogarán un partido feminino e ás 18:00 horas disputarase o último partido da xornada cun encontro absoluto masculino.

Grazas á boa relación cos equipos portugueses, o CW Galaico Pontevedra terá oportunidade de xogar os seus primeiros partidos de preparación de cara ás ligas galegas. O club pontevedrés tratará de organizar máis encontros con equipos do norte de Portugal coas súas diferentes categorías ao longo da tempada.