A Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar a resolución do 9 de setembro de 2021 pola que se fan públicas as listaxes definitivas das prazas concedidas para o grupo de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2021/2022.
En total, o CGTD terá na tempada 2021/2022 un total de 155 prazas concedidas: 102 de tecnificación (85 de residente 1 e 17 de externo 1) e 53 de rendemento (11 de elite, 30 de externo 2 e 12 de residentes 2). Cómpre lembrar que estas prazas poden experimentar un importante incremento de ata o 10% para os casos de excelencia deportiva que non estean recollidos na resolución.
Destaca a importancia crecente do deporte feminino e o constante traballo no centro por acadar a paridade de prazas de tecnificación (50 homes e 52 mulleres) e rendemento (27 homes e 26 mulleres). De feito, por primeira vez as prazas concedidas a mulleres (78) son superiores ás dos homes (77).
Ademais, este ano, as modalidades deportivas que ofrece o Centro Galego de Tecnificación Deportiva ascenden un 16% ao pasar das 12 da tempada 2020/2021 -atletismo (marcha e lanzamentos), bádminton. ximnasia acrobática (trampolín e artística), judo, karate, loita, natación, piragüismo (augas bravas – slálom e augas tranquilas), remo, taekwondo, tríatlon e vela- ás 14 da tempada 2021/2022 coa incorporación de ximnasia acrobática (trampolín) e natación artística.
CGTD
O centro naceu no curso 1987-88 aproveitando as instalacións do Estadio da Xuventude e a residencia de estudantes Atlántico da cidade de Pontevedra.
Co paso do tempo foise transformando nun moderno complexo deportivo no que se formaron os mellores deportistas de Galicia e, na actualidade, dálles cabida aos principais deportistas e promesas do deporte galego.
No 2007 e no 2010, respectivamente, incorpóranse á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, instalacións que completan a preparación dos principais deportistas de piragüismo e vela.
A lista de deportistas que chegaron á cima das súas modalidades logo de formarse no CGTD e nos satélites do CGV e de Verducido é moi longa, podendo destacar entre eles a 29 deportistas olímpicos e 3 paralímpicos cunha colleita total de 14 medallas dende os Xogos Olímpicos de Sídney 2000.