O pontevedrés Guillermo García Janeiro encabeza a lista de reforzos do Froiz

Pontevedra
20 de decembro 2024

O ciclista da Boa Vila, tras varias tempadas como profesional en Portugal, competirá a próxima tempada co Grupo Deportivo Supermercados Froiz

Guillermo García Janeiro na concentración de pretempada do Froiz en 2020
Guillermo García Janeiro na concentración de pretempada do Froiz en 2020 / PontevedraViva

Despois de varias tempadas no pelotón profesional portugués, en equipos como o Radio Popular Paredes Boavista ou o Sabgal Anicolor, Guillermo García Janeiro volve a casa.

O ciclista pontevedrés encabeza a lista de reforzos do Grupo Deportivo Supermercados Froiz de cara ao curso 2025.

Coa experiencia que acumulou estes anos en grandes probas profesionais como a Volta a Portugal, García Janeiro será un dos nomes a seguir no novo proxecto do equipo alimenticio en categoría elite e sub-23.

Xunto a el, o Froiz confirmou a incorporación doutro cinco caras novas.

Mateu Estelrich (Essax-Grupo Arrfran), que xa representou ao Froiz na última Volta a Galicia e foi vencedor a última tempada na Aiztondo Klasika da Copa de España, é un deles.

Ademais súmanse ao proxecto do equipo ciclista pontevedrés Manuel Rodríguez (Equipo Cortizo), Jesús García (Valverde Team), Iván Viladrich (PC Baix Ebre) e Iván Puentes (Team Farto).

Con estas seis fichaxes a escuadra dirixida un ano máis por Evaristo Portela conta xa con 14 ciclistas confirmados.

Únense de feito ao renovados Ángel Maneiro, Anxo Carril, Gonzalo Inguanzo, Carlos Pérez, Miguel Rodríguez, Mateo Kalejman, Pablo García e Martín Rodríguez.