O Pontevedra Club de Fútbol visita este domingo (12:00 horas) o Rayo Cantabria, un filial "con moita calidade, moi bos xogadores e que expón unha idea clara de principio a fin independente do resultado".
É por iso que o técnico granate, Yago Iglesias, insiste en que o cadro santanderino "váinolo a pór complicado" independentemente da posición que ocupa na clasificación xa que considera que xoga ben, pero non ten a recompensa que merece.
Neste sentido, o adestrador sinala que o seu rival desta xornada chegaba "nunha dinámica negativa en canto a resultados, pero é o mesmo equipo que na primeira volta. Fai as cousas ben, pero os resultados non lle acompañaron".
Polo menos así foi até a pasada xornada na que remontou ante o Compostela (1-2), conseguindo unha vitoria que "lles vai a subir a confianza e a autoestima".
Ademais, o Rayo Cantabria, ao tratarse dun filial, "ten xogadores con moita progresión e futuro, teñen que xogar sen complexos contra calquera. Este tipo de equipos están nestas categorías para ir preparando xogadores, o resultado é importante porque teñen que cumprir os obxectivos, pero para os filiais do noso grupo creo que os resultados quedan en segundo plano, o mínimo que lles piden é estar nesta categoría e centrarse na formación do futbolista", indicou Iglesias.
No caso dos granates, o obxectivo é "virn co tres puntos" sexa da maneira que sexa. Aínda que "buscamos gañar os partidos desde a idea de xerar ocasións de gol, se o partido é para un 0-1 e vimos co tres puntos, benvido sexa, e, si é un 4-5, tamén nos vai a valer", recoñeceu. No entanto, "se mantés a portaría a cero, tes moito gañado. Se escarbamos máis, analizamos o como queres defender ou mantela a cero. Nós somos un equipo que nos gusta atacar e estar en campo contrario, así nos defendemos ben".
Fiel reflexo diso foi o partido fronte ao Escobedo, no que o Pontevedra recuperou as boas sensacións pasadas e permitiulle "dar un paso adiante. Esa é a liña, somos conscientes de que cada partido é totalmente diferente, pero somos un equipo equilibrado que mantén o nivel e queremos mantelo".
Polo menos iso pretende Yago Iglesias de aquí ás once xornadas que restan. A liga entra no tramo final e, "agora máis que nunca, toca pensar no seguinte partido. Non podemos pensar máis aló, todos queremos chegar ao enfrontamento directo con marxe de manobra e, se nos centramos máis aló, imos perder o foco. Anticiparnos ao que poida pasar vainos a prexudicar, só pensamos no Rayo Cantabria", concluíu.