Pontevedra vibrou este sábado coa primeira proba do Campionato de Europa de Ciclocrós, a Team Relay.
Nela participaron catro seleccións estatais das que saíu campioa Italia, que desde o primeiro momento impuxo o seu ritmo pasando todas as voltas na cabeza para arrebatarlle o título aos franceses, vixentes campións de Europa.
A carreira foi un auténtico espectáculo na Illa dás Esculturas, onde o dominio no primeiro xiro foise alternando entre o sub-23 de Ponteareas Miguel Rodríguez e o italiano Federico Ceolin, que chegaron á meta cunha lixeira vantaxe sobre o francés Théophile Vassal.
Xa na segunda volta, o júnior italiano Mattia Agostinacchio non logrou soltarse do asturiano Benjamín Noval, mentres que o francés Aubin Sparfel vía como se lles escapaban os dous de cabeza.
Continuou a disputa coa júnior Lucia Bramati, que puido ampliar lixeiramente a súa vantaxe sobre a xuvenil marinense Lorena Patiño, que viu como a francesa Célia Gery facía unha volta espectacular deixando atrás as dúas primeiras malas voltas da selección gala para así superala e enlazar coa transalpina na cabeza.
Aos poucos, a selección francesa e a italiana fóronse afastando e nin a sub-23 porriñesa Aroa Otero nin a elite valenciana Sofía Rodríguez lograron recortar a vantaxe para os intereses da selección española.
Así se chegou á última volta. A loita polo ouro era clara entre Filippo Agostinacchio e Rémi Lelandais, e a pelexa polo bronce entre o valenciano Felipe Orts, que lucía un crespón negro en recordo da victimas da DANA na súa terra, e Michael Boros que entrou na loita tras unha impresionante volta da checa Kristyna Zemanova.
Finalmente foron os taboleiros os que ditaron sentenza na loita pola terceira posición, cun Felipe Orts que unha vez máis mostrou a súa gran habilidade sobre a bicicleta, e que o checo Boros non puido seguir.
Na pelexa polo campionato, foi a costa final a que descartou da loita ao francés con Agostinacchio. Italia conseguiu levantar os brazos e proclamarse nova campioa de Europa no Team Relay, Francia colgouse a prata e España o bronce.
No acto de entrega de premios, estiveron presentes Enrico della Casa, presidente da Unión Europea de Ciclismo e José Luís López Cerrón, presidente da comisión xestora da Real Federación Española de Ciclismo.
Este domingo continuará a competición coas probas individuais das categorías júnior (9:00), sub-23 (11:00) e elite (14:00).