O Concello de Pontevedra estivo presente este venres no Congreso Urban Sport 4All que se desenvolveu no Forum de Lisboa.
Organizado polo concello da capital portuguesa e pola Universidade de Lisboa, no evento participou o concelleiro de Deportes e tenente de alcalde, Tino Fernández, cunha charla dentro da conferencia que abordaba as cidades con espazos públicos que convidan á práctica da actividade física e do deporte.
Na súa intervención, o tenente de alcalde puxo en valor "as accións que leva realizando Pontevedra nos últimos 23 anos con avances en mobilidade, redución drástica do tráfico de paso e de axitación, e quedando soamente o tráfico necesario", defendendo que "non se pode falar de conseguir espazos para a actividade física sen liberar espazos para os cidadáns".
Ao final da súa intervención, o tenente de alcalde mantivo un encontro coa concelleira de Urbanismo de Lisboa, Joanna Almedia, que lle trasladou as felicitacións e anuncioulle que tanto ela como o seu equipo técnico tiñan interese de trasladarse a Pontevedra para visitala canto antes coa intención de "ver in situ como evoluciona o modelo, ao estar interesados en poñer en marcha medidas que estamos a tomar en Pontevedra", explicou o edil.
Tamén os responsables da Universidade de Lisboa sumáronse ao interese.