Pontevedra, única cidade galega sen club de patinaxe artística? Xa non

Pontevedra
04 de setembro 2015

Tareixa Castro e Noelia Rivadulla uníronse para crear o primeiro club de patinaxe da cidade, o Club Rodeiras. "Era una demanda que estaba ahí desde hace 20 años", recoñece Noelia. Comezan con tres grupos, un deles de adultos, "para que en un futuro se vayan formando y llegar al nivel competición"

Club Rodeiras de Patinaxe Artística
Club Rodeiras de Patinaxe Artística / Mónica Patxot

Pontevedra deixou de ser a única gran cidade de Galicia sen un club de patinaxe artística. Fíxoo polo empeño de dúas persoas, Noelia Rivadulla e Tareixa Castro, que se uniron para fundar o Club Rodeiras.

Despois dun verán de preparativos e promoción mediante as redes sociais, o club comezou este martes os adestramentos no pavillón do IES Sánchez Cantón, onde terá a súa sede dous días á semana (tamén o xoves).

Tareixa e Noelia levaban varios anos dando clases de patinaxe artística en escolas deportivas, como as que ofrecía a Deputación, que servían "para que los niños conozcan el deporte y después puedan acudir a los clubes, pero hasta ahora no existía esa salida", explica Noelia.

"Era unha necesidade", engade Tareixa, para quen patinar ten moitos aspectos positivos: "mellora a coordinación e aprendes a respirar mellor, son todo beneficios para a saúde", sinala ao rematar unha das clases.

Polo momento arrancan con 30 alumnas divididas en tres grupos, de iniciación, máis avanzado e tamén de adultos, persoas que "buscan retomar un poco esa actividad que tuvieron en la infancia, porque al final los patines que tuvieron fueron los de artístico", comentan.

A intención de ambas as dúas é consolidar pouco a pouco o Club Rodeiras: "empezar con las escuelas para que en un futuro se vayan formando y llegar al nivel competición, pero para llegar ahí primero tienes que crear una base", explica Noelia Rivadulla.

Toda unha aventura que non fixo máis que empezar e que comparten a través da súa páxina web www.patinaxerodeiras.com. Un club que veu para quedarse e sumarse á xa de por si extensa oferta deportiva da cidade.