O ascenso directo está a punto de se converter nunha realidade para o Pontevedra Club de Fútbol, que protagonizou un partido moi serio fronte ao Salamanca, ao que superou por 1-3.
Samu Mayo e Álex González adiantaron os granates no primeiro tempo, RDT reduciu distancias na segunda metade e Rufo, que entrou na segunda metade, aloxou na rede o primeiro balón que tocou.
Agora, os de Yago Iglesias deberán esperar ao que faga o Numancia fronte ao Ávila para saber se ascenden esta fin de semana ou deberán esperar á seguinte xornada, na que recibirán en Pasarón o Laredo.

Entrou durmido ao verde o conxunto lerezano e en especial Yelko Pino, que tivo dúas perdas de balón preto da área granate que o Salamanca aproveitou para tratar de sorprender a Edu Sousa. A primeira, aos dous e medio, cun intento de vaselina de Loren que se foi moi alta e, apenas uns segundos despois, unha clara ocasión de Juancho que obrigou o gardameta a intervir en dous tempos.
O susto bastou ao Pontevedra para espertar e en apenas oito minutos dinamitou o enfrontamento. Iago Novo deulla a Dalisson, pero un defensor impediu que o cántabro controlase, o balón quedou morto na frontal e Samu Mayo mandouno ao interior da portaría local.

Continuou o Salamanca totalmente dominado ante a presión do conxunto granate, que saíra disposto a ir a pola vitoria e atopaba o segundo gol no seu seguinte disparo a portaría. Esta vez foi Álex González o que aproveitou un erro na saída de balón dos locais e plantouse diante de Jon Villanueva para encaixar o esférico na rede e subir o 0-2 ao marcador.
Pasado o minuto 20 de xogo os lerezanos volveron apertar na área rival e, con iso, a xerar perigo, pero Álex González escorou demasiado e o seu disparo foi directo ao corpo de Jonvi.

Deu entón un paso adiante o equipo local e a punto estivo de reducir distancias cunha falta ao bordo da área xutada por Loren e que un gran Edu Sousa despexou. Segundos despois, no rexeite dun saque de esquina, o gardameta granate volveu ser providencial para evitar o gol de Caramelo.
Iniciou entón a contra o Pontevedra, e dun posible 1-2 pasouse a un posible 0-3. Dalisson plantouse no man a man con Juanvi, pero decidiu abrir a Iago Novo e o seu pase foise demasiado pasado. O de Fene recuperou a posesión e deulle o balón a Chiqui, que tentou colocalo na escuadra e fóiselle fóra.
Despois do paso polos vestiarios o guion do partido non cambiou e os granates seguiron asediando a portaría rival.
Con todo, foi a partir do minuto 56 cando chegaron as ocasións máis claras. Chiqui aproveitou a pasividade do Salamanca defendendo e penetrou na área, pero Jonvi desviou a córner. Acto seguido, Igor rematou un centro elevándose entre centrais, pero o seu cabezazo marchou alto.
Pasada a hora de xogo optou por mover ficha o técnico local con cambios ofensivos en busca da reacción e tratou de imprimir un ritmo máis para apertar os lerezanos.
No 71 de xogo, nunha chegada de Juancho pola esquerda RDT probou sorte, pero non soubo definir coa dereita e o seu disparo fuxía lambendo o pau e, no 80, xa non perdoou. Ares centrou desde a esquerda e Rubén de Tomás rematou picado de cabeza para aloxar o balón no interior da portaría dun Edu Sousa que nada puido facer para evitar o 1-2.
Estaba a meter en apertos o Salamanca ao Pontevedra, ata que apareceu Rufo. Álex púxolle o balón desde a esquerda e o madrileño, que entrara en lugar de Chiqui, meteu o pé o xusto para facer o 1-3 e sentenciar o enfrontamento.

SALAMANCA UDS (1): Jonvi, Parra, Canteiro, Murua, Berardozzi (Amaro, min. 73), Cristeto, Curro, D. Benito (Rubén de Tomás, min. 62), Caramelo (Emaná, min. 78), Loren (J. Ares, min. 62) e Juancho (Galván, min. 73).
PONTEVEDRA CF (2): Edu Sousa, Fontán, Igor, Iago Novo (Miguel Cuesta, min. 66), Álex González, Yelko, Chiqui (Rufo, min. 77), Samu, Dalisson, Garay e Héctor (Brais Abelenda, min. 66).
Goles: 0-1, Samu Mayo, min. 8. 0-2, Álex González, min. 14. 1-2, Rubén de Tomás, min. 80. 1-3, Rufo, min. 83.
Árbitro: Víctor Manuel Broncano Suárez (Estremadura), asistido nas bandas por Iván Gago García e Sebastián Cuadrado López-Romero. Amoestaron a Cristeto (32'), Caramelo (75') e Murua (90+3') no Salamanca e a Iago Novo (24'), Igor (36'), Miguel Cuesta (90+2') e Rufo (90+3) no Pontevedra.
Incidencias: Partido da xornada 31 de liga na Segunda RFEF disputado no Helmántico.