Pontevedra empeza a respirar o ambiente do Campionato de España de Ciclocrós que se celebrará durante a fin de semana, entre o venres 11 e o domingo 13 de xaneiro, na Illa das Esculturas.
Ao redor de 900 deportistas tomarán cita na gran competición nacional desta especialidade ciclista, para a que se habilitou un circuíto de 3,4 quilómetros de percorrido que xa se pode visibilizar na súa privilexiada contorna, a beiras do río Lérez.
Será segundo asegura o actual campión de España, Ismael Esteban, "un circuito muy rápido que va a favorecer el espectáculo". O percorrido contará ademais con dous tramos de escaleira e un obstáculo artificial entre outras dificultades técnicas.
O programa de competición do Campionato de España abrirá o venres ás 16:00 horas coa proba de remudas por seleccións autonómicos (Team Relay), na que Galicia parte como unha das favoritas cun equipo composto no que correrá a marinense Irene Trabazo (Sub-23) xunto a Andrés Calvete (Máster), Miguel Rodríguez (Cadete), Iván Feijoo (Sub-23), Carlos Canal (Júnior) e Saúl López (Elite).
Para o sábado pola súa banda quedarán, por esta orde, as carreiras de Máster 50 e 60 (9:30 horas), Máster 40 (10:45 horas), Máster 30 (12:00), a categoría Cadete Feminina (15:00 horas) na que competirán Sonia Domínguez do Club Ciclista Marín e Laura Capa do Farto pontevedrés, e a categoría Cadete Masculina (15:50 horas) con Zoe del Río, do Marín, como aspirante. Ao final a xornada terá lugar como complemento unha carreira de promoción alevín e infantil (17:00 horas) organizada pola Federación Galega de Ciclismo.
Por último, o domingo disputaranse as categorías Júnior Masculina (9:30 horas), Sub-23 Masculina (10:30 horas), Sub-23, Elite e Máster Feminina (11:50 horas) coa marinense Irene Trabazo e a ciclista de Vilaboa Lucía Vázquez, e a categoría Elite Masculina (13:10 horas) que pechará o campionato.
RECEPCIÓN MUNICIPAL AO EQUIPO DELIKIA
Como aperitivo ao Campionato de España, na xornada previa o Concello de Pontevedra ofreceu unha recepción a un dos poucos equipos profesionais de ciclocrós a nivel nacional, o Delikia-Ginestar, no que figuran o actuais campión e subcampión nacionais, Ismael Esteban e Felipe Orts ou as campioas Sub-23 Luisa Ibarrola e Elena Lloret, entre outros.