Pontevedra repetirá na Vuelta 2013: a terceira etapa sairá da cidade

Pontevedra
18 de outubro 2012

Ademais da saída desta terceira etapa, a segunda que acabará "nalgún punto do Salnés" tamén atravesará a cidade. E o máis importante, sete equipos pernoctarán en Pontevedra durante seis días

O pelotón da Vuelta ao seu paso por Pontevedra na edición de 2012
O pelotón da Vuelta ao seu paso por Pontevedra na edición de 2012 /

Horas despois de que Javier Guillén confirmase a PontevedraViva que a Vuelta a España 2013 sairía das Rías Baixas o 24 de agosto, coñecemos máis detalles do paso da proba pola provincia de Pontevedra. O Concello confirmou que a terceira etapa sairá da cidade de Pontevedra. Será o luns 26 de agosto. Aínda que o percorrido aínda está por pecharse, será unha etapa "que irá cara o sur da provincia e probablemente se meta en Portugal".

O interese do goberno municipal, segundo explicou o alcalde, Miguel Fernández Lores, é que dita etapa saia da Praza de España. Mediante unha saída neutralizada e durante un máximo de oito quilómetros, "queremos que a etapa faga un percorrido polas rúas da cidade", cun trazado que aínda queda por negociar con Unipublic, empresa que organiza a Vuelta a España.

Non será o único contacto de Pontevedra coa Vuelta 2013. A segunda etapa, o domingo 25 de agosto, que segundo Fernández Lores finalizará "nalgún punto de O Salnés", atravesará a cidade.

Pero o máis importante é que o Concello de Pontevedra conseguiu o compromiso de que sete dos equipos que participarán na Vuelta 2013, "entre eles algún dos máis importantes", queden en hoteis da cidade de Pontevedra durante seis días, entre o 21 e o 26 de agosto, os días nos que esta proba deportiva permanecerá nas Rías Baixas.

A Vuelta 2013 saldrá do porto pesqueiro de Vilanova de Arousa o sábado 24 de agosto

En total, as Rías Baixas acollerán catro etapas da próxima Vuelta a España. Ademais da saída, que será desde o porto pesqueiro de Vilanova de Arousa, como anunciará a Deputación esta mesma tarde, e as dúas etapas nas que Pontevedra será protagonista, unha cuarta etapa, a do martes 27 de agosto, sairá dalgún punto de xeografía pontevedresa, en dirección, segundo explicou o alcalde, á provincia da Coruña.

Miguel Fernández Lores, que compareceu acompañado do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, explicou que o custo para Pontevedra desta nova presenza da Vuelta a España será "absolutamente razoable" xa que explicou que "custará menos que o ano pasado e os beneficios para a economía local serán moito maiores".