Comeza a conta atrás para a Gran Final das Series Mundial de Tríatlon, que se celebrarán en Pontevedra do 20 ao 24 de setembro de 2023, recollendo a testemuña de Abu Dhabi.
É precisamente a cidade árabe a que acollerá o gran evento do tríatlon olímpico mundial do 24 ao 26 de novembro deste ano, e onde a Boa Vila enviará desde o martes 22 ao luns 28 de novembro unha pequena delegación para recibir a bandeira e informar e convidar a todos os participantes para que veñan a Pontevedra a participar o ano que vén.
"Vai ser o evento do 2023 máis potente que se celebre en Galicia e no Estado", confirmou o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha rolda de prensa celebrada este venres. Destacou, ademais, que este evento é "un reto" para a cidade, "aínda que temos unha capacidade de organización demostrada" tanto noutros eventos de tríatlon como doutros deportes. "Pontevedra é unha cidade moi atractiva para estar e, pola experiencia que teñen os deportistas, foi aprobada por unanimidade".
Por ese motivo, Lores espera que na Gran Final sexa na que maior participación haxa e para a que calcula "entre 4.000 e 5.000 deportistas e 10.000 ou 12.000 persoas", entre os que estarán "os familiares e a xente que veña ver o evento". Son unhas cifras maiores das que se darán en Abu Dhabi porque alí "non van moitos atletas americanos, pero aquí si, xa están a reservar e está indo moi ben. Virán moitos europeos e americanos, que quedaron encantados co campionato do 2019, tanto pola acollida como pola gastronomía", engadiu.
Ademais, o 2023 é un ano preolímpico e a Gran Final das Series Mundial de Tríatlon é unha oportunidade para os deportistas para puntuar e ir aos Xogos Olímpicos de 2024 en representación do seu país, "aquí estarán os mellores que poden participar nas Olimpiadas", asegurou o alcalde.
A competición supoñerá para Pontevedra un desembolso económico grande, duns 3 millóns de euros incluíndo a Copa do Mundo celebrada este verán, e por iso están xa negociando os patrocinios. Adiantou Lores que xa está confirmado Inditex como maior investidor e, por tanto, patrocinador principal.
Pero antes, a Abu Dhabi viaxará unha expedición composta polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; persoal do Instituto Municipal de Deportes (IMD), que irán como observadores; unha persoa que axudará coa distribución e a promoción de Pontevedra e que ademais actuará como tradutora; o deputado de Deportes, Gorka Gómez, e representantes da Federación Española de Tríatlon, que estarán na cidade árabe recollendo a testemuña e informando da competición do 2023.
A Gran Final das Series Mundiais é a competición estrela da World Triathlon e chegará a Pontevedra despois de disputarse en cidades como Londres, Budapest, Beijing, Auckland, Chicago, Gold Coast, Lausanne, Edmonton, e Abu Dhabi.