Cunha "inmensa felicidade". Así recolleron, nas súas propias palabras, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o premio Premio Nacional "El Anillo" de Deporte e Turismo 2020.
O galardón, que concede a Junta de Extremadura á mellor proba de categoría mundial que se celebra cada ano en España, foi para Pontevedra pola organización en 2019 do ITU Multisport de tríatlon.
Fernández Lores e Silva, como titulares das administracións que impulsaron este campionato, acudiron a recoller o premio ao Complexo Cultural San Francisco da cidade de Cáceres. Recibírono de mans da conselleira de Cultura, Turismo e Deportes, Nuria Flores.
O xurado destacou as condicións "excelentes" nas que se disputou este mundial en Pontevedra, en concreto, pola súa "excelente" organización, a "implicación" de deportistas, voluntarios e cidadáns e o "espírito de irmandade" que transcendeu ao propio evento.
Tras recoller o premio, o alcalde de Pontevedra subliñou o "orgullo" que senten todos os pontevedreses por este galardón, especialmente pola "importancia" que ten a práctica deportiva nun modelo urbano como o noso.
"Pontevedra está pensada para a convivencia e para as persoas", sinalou Miguel Anxo Fernández Lores, que reiterou que os eventos deportivos son "fundamentais" para a promoción exterior da cidade porque "deixan pouso e a xente volve".
Pola súa banda, a presidenta da Deputación felicitou á cidade de Pontevedra por este galardón e destacou a importancia de ligar o deporte ao turismo.
"É clave que entendamos que hoxe o turismo demanda emocións, experiencias, vivir en contornas nas que as persoas sexan o centro de todo e o deporte é a gran revolución do século XXI", sinalou Carmela Silva.
O ITU Multisport situou a Pontevedra, engadiu Silva, "no centro dun gran evento", pero destacou que "sobre todo deu moita felicidade a moita xente", polo que reiterou o seu compromiso de que a política "sexa un instrumento para mellorar a vida da xente".
Ata Cáceres, ademais dos dous responsables de ambas as administracións, tamén viaxaron o edil de Deportes, Tino Fernández, e o xefe do servizo municipal de Deportes, Jaime Agulló. Ademais, o alcalde agradeceu a colaboración neste evento da Xunta de Galicia.