O Comité Olímpico Español (COE) acordou conceder ao Concello de Pontevedra a súa placa olímpica, unha das súas principais distincións, pola contribución que realiza ao mundo do deporte coa organización de grandes competicións nacionais e internacionais.
Este recoñecemento, que foi a proposta das federacións de natación e tríatlon, "é un orgullo", segundo destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que acudirá a Madrid o próximo 28 de maio para recoller esta placa olímpica.
O presidente do COE, Alejandro Blanco, foi o que comunicou ao goberno municipal a concesión deste distintivo honorífico.
"Creo que está humildemente xustificada pola aposta polo deporte base, o apoio aos clubs e a organización de competicións", subliñou Fernández Lores, que asegurou que este premio é mérito, especialmente, do servizo municipal de deportes.
Por iso é polo que á asemblea xeral do COE, na que se entregarán estas distincións, o alcalde queira ir acompañado do xefe deste servizo, Jaime Agulló, ao considerar que o seu traballo e coordinación foron unha "peza fundamental" para converter a Pontevedra en referente.
O rexedor pontevedrés defendeu que a Boa Vila "é a cidade do deporte a todos os niveis", xa quesinalou que "apenas hai fin de semana na que non teñamos unha competición deportiva", xerando un gran retorno económico e social á cidade.
A gran cita deste ano, en xuño, será o campionato do mundo Multideporte de tríatlon, pero Lores reiterou que as citas deportivas de "primeirísimo orde" son continuas.
Así, lembrou que a pasada fin de semana a cidade recibiu a uns 1.200 deportistas para participar no campionato de España de natación artística infantil e alevín, que incluíu unha exhibición da selección española sénior, e na Copa de España de ciclismo feminino.