Pontevedra, protagonista na I Xornada Municipalidade e Tríatlon celebrada no Comité Olímpico Español

Pontevedra
03 de decembro 2021

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, desprazouse a Madrid para participar nunhas xornadas nas que estiveron presentes, entre outros, a presidenta da Federación Internacional de Tríatlon (ITU), Marisol Casado, o presidente da Federación Española, José Hidalgo, e o presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na I Xornada Municipalidade e Tríatlon
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na I Xornada Municipalidade e Tríatlon / Federación Española de Triatlón

A sede do Comité Olímpico Español (COE) en Madrid foi escenario este xoves da I Xornada Municipalidade e Tríatlon.

Ata alí desprazouse unha delegación pontevedresa encabezada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do responsable do Servizo Municipal de Deportes, Jaime Agulló.

A Boa Vila ocupou un posto destacado nas xornadas tras a súa recente designación como sede da Gran Final das Series Mundiais en 2023, pero non foi a única cidade convidada ao atoparse tamén representadas outras localidades que apostaron forte polo tríatlon como Avilés ou Banyoles, coas que compartiu relatorio.

Lores ocupou un posto de honra na mesa central xunto ao presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco; o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo, a presidenta da Federación Internacional de Tríatlon (ITU), Marisol Casado, e a alcaldesa de Avilés, María Virtudes Monteserín, cidade que foi sede recentemente do Mundial de Dúatlon.

O rexedor pontevedrés participou na primeira sesión da xornada, titulada 'Boas prácticas na organización de eventos de Tríatlon', centrando a súa intervención a integración da cidade dentro da  estrutura organizativa dun evento.

Pola súa banda a presidenta da ITU, na súa quenda, referiuse a Pontevedra sinalando que "é un orgullo terminar a miña carreira coa organización da proba do máis alto nivel que é a Final das Series Mundiais en Pontevedra en 2023, que para a miña é como a guinda ao pastel".

De feito a cita serviu para que os responsables da Boa Vila mantivesen reunións para ir sentando as bases do gran evento deportivo de 2023.

Ás xornadas organizadas pola Federación Española de Tríatlon co obxectivo de poñer en valor a implicación das institucións locais na organización de eventos a nivel nacional e internacional estaban tamén convidados representantes de: Alcobendas, A Coruña, Eivissa, Pamplona, Roquetas de Mar, Santander, Soria, Valencia e Almazán.