Pontevedra acollerá no 2019 o Festival Multideporte, a nova competición que vén de poñer en marcha a Federación Internacional de Tríatlon. A súa primeira edición celebrarase do 18 ao 27 de agosto en Penticton (Canadá) e alí xa se promocionará a Boa Vila de cara á súa cita deportiva.
Segundo informou o Concello, será a propia federación a encargada de difundir a imaxe de Pontevedra no Canadá.
Así, diferentes elementos promocionais informarán os triatletas que acoden a Penticton da competición que terá lugar en Pontevedra, para que vaian facendo axenda.
Ademais, este material explica as características e a situación da cidade en Galicia e recorda a ampla experiencia que ten Pontevedra na organización de eventos relacionados co tríatlon.
Tamén se cita que é a cidade na que adestra Javi Gómez Noya, pentacampión do mundo deste deporte e outros deportistas de alto nivel.
O Festival Multideporte, que se celebrará por vez primeira en España no 2019, é un gran acontecemento deportivo que xunta os mundiais de cinco disciplinas: duatlon, acuatlón, tríatlon cross, aquabike e tríatlon de longa distancia.
O propio Gómez Noya asegurou que desexa competir de novo en Pontevedra neste festival, no que se inclinará polo tríatlon de longa distancia.