Pontevedra prepárase para un 2022 cheo de deporte internacional

Pontevedra
02 de xaneiro 2022

O 2022 será para Pontevedra un ano en grao sumo internacional a nivel deportivo no caso de que a situación sanitaria o permita. Concretamente, a cidade albergará entre os días 17 e 23 de outubro de 2022 o Campionato de Loitas Olímpicas. Os tres días previos será a quenda dos campionatos de Grappling

Derradeira xornada do Europeo Júnior de Loitas Olímpicas disputado en Pontevedra
Derradeira xornada do Europeo Júnior de Loitas Olímpicas disputado en Pontevedra / Diego Torrado

O 2022 será para Pontevedra un ano en grao sumo internacional a nivel deportivo no caso de que a situación sanitaria o permita.

Antes de que a pandemia irrompese nas nosas vidas, a Boa Vila xa fora capital da loita, tanto nacional como Europea, acollendo varios campionatos de España e o Europeo Júnior de 2019. Agora, tres anos despois, chegan eventos de nivel universal como son o Campionato do Mundo Sub-23 de Loitas Olímpicas e os campionatos mundiais en categorías Cadete e Júnior de Grappling.

Concretamente, a cidade albergará entre os días 17 e 23 de outubro de 2022 o Campionato de Loitas Olímpicas. Os tres días previos será a quenda dos campionatos de Grappling.

Pero a ambición de Pontevedra para ser escenario de eventos internacionais non queda aí, e é que, de fronte ao futuro, a cidade do Lérez postúlase como única candidata a organizar o Mundial de Loitas Olímpicas de 2024 e xa solicitou ser sede do Mundial e do Europeo de Loita do ano 2025.

TRÍATLON

Baixo o paraugas da ITU (International Triathlon Union), a Boa Vila albergará no 2023 a Gran Final das Series Mundiais e dos campionatos do Mundo Elite, Sub-23, Paratriatlón e Grupos de Idade, así como a distancia súper sprint de grupos de idade e os campionatos do mundo de aquabike de distancia estándar de grupos de idade.

É por iso que, a falta de confirmación oficial, espérase que Pontevedra acolla este ano un evento de preparación para estas Series Mundiais, que se celebrarán no mes de setembro nunha data aínda por fixar.