Pontevedra e o seu Pavillón Municipal están listos para converterse durante as próximas semanas en sede da loita mundial coa celebración dos mundiais de Grappling nas categorías Sub-17, Sub-20 e Absoluta, e de Loitas Olímpicas Sub-23. Espérase a presenza de máis de 1.200 loitadores que empezarán a chegar á Boa Vila a partir deste mesmo luns.
Os mundiais de Grappling, que chegan por primeira vez a España, serán os encargados de abrir a competición o mércores 12 coas probas dos máis novos, finalizando o sábado 15 coas finais absolutas e a cerimonia de clausura.
Será unha cita histórica para a loita galega xa que é a primeira vez que competirán seis galegos nunha competición mundialista. Os elixidos para esta ocasión son Vanesa Muiños do Club IQ Fight de Porriño; María José Raja, Ramón Placer e Marcos González do Club Sportfight de Ferrol; Pablo Vázquez do Club Graiño da Coruña; Jose Manuel Eyo do Club CAMM de Santiago de Compostela.
A semana seguinte, Pontevedra volverá ser o epicentro mundial cos mundiais deLoitas Olímpicas Sub-23, onde se espera a presenza de 800 inscritos dun total de 70 países.
Os deportistas empezarán a chegar o sábado 15 para comezar ao día seguinte coas primeiras probas. O mundial finalizará o 23 de outubro coas finais e as cerimonias protocolarias.
Para esta ocasión, a referente da Selección Española será a galega Nerea Pampín (-65 kg) do Club Keltoi de Vila de Cruces, que espera conseguir a mesma repercusión que no Europeo Sub-20 celebrado tamén en Pontevedra no ano 2019.
Pampín, que se adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, quedou na quinta posición no Campionato de Europa Sub-23 en -65 kg, pero espera ter un mellor resultado neste mundial chegando e mesmo loitar polas medallas.