As luces e brillantes da Copa do Rei quedan atrás para un Pontevedra Club de Fútbol que volve centrarse no que realmente importa, a competición ligueira.
Os granates volven ao 'barro' da Segunda RFEF e fano visitando (sábado, 18.00 horas) o campo do actual pechacancelas da competición, un CD Laredo que non gaña desde a segunda xornada e que encadea seis derrotas consecutivas en liga.
"Temos os pés no chan. Somos conscientes do equipo que somos, dos xogadores que somos, do corpo técnico que somos, do que é a nosa liga que é o que nos dá para comer. Non imos pensar que agora somos un equipo doutra categoria por deixar polo camiño o Villarreal, pero si que nos serve para afianzar aínda máis a idea de xogo que temos, as cousas que facemos ben", afirmou Yago Iglesias.
O técnico quere "pechar unha semana redonda" tentando "facer tres de tres", sobre todo para "seguir dependendo de nós mesmos".
"Queremos nestas tres últimas xornadas acabar no máis alto, estirar o chicle. Seguir con estas moi boas sensacións que temos, tanto a nivel de xogo como a nivel de resultados", insistiu o preparador do pontevedrés antes de pór rumbo a terras cántabras.
Yago confirma que para este partido, tras o esforzo da Copa do Rei, "volveremos outra vez a tirar de fondo de armario para sacar o equipo máis competitivo posible para conseguir os tres puntos".
En todo caso non se fía do rival e dunha clasificación que "a estas alturas na xornada na que estamos é relativa", e porque ademais o do Laredo "creo que é un campo moi complicado e un equipo que, a pesar de ser un recentemente ascendido cando os analizas, ves que fan moitas cousas ben".
Por último Yago Iglesias valorou a baixa de Jesús Cambil por unha grave lesión de xeonllo, e que supón unha ausencia "moi sensible para nós" xa que se trata de "un xogador dificilmente substituíble porque o seu perfil é complicado de atopar". A pesar diso "terémonos que sentar" para valorar as opcións que ofrece o inminente mercado invernal, avanzou.