Pontevedra pecha a súa participación nos Xogos do Eixo Atlántico co bronce do baloncesto feminino

Pontevedra
04 de xullo 2013

Foi a primeira medalla en deportes colectivos e con ela terminan uns campionatos que, máis aló do número de preseas (tres ouros, catro pratas e dous bronces), demostraron que a canteira deportiva pontevedresa goza dunha saúde envidiable. Así se viu durante estes días na cidade portuguesa de Guimaraes

Equipo de baloncesto feminino de Pontevedra co bronce dos Xogos do Eixo Atlántico
Equipo de baloncesto feminino de Pontevedra co bronce dos Xogos do Eixo Atlántico / PontevedraViva

Cunha última medalla, o bronce no baloncesto feminino, pechou Pontevedra a súa participación nos X Xogos do Eixo Atlántico. Foi a primeira medalla en deportes colectivos e con ela terminan uns campionatos que, máis aló do número de preseas (tres ouros, catro pratas e dous bronces), demostraron que a canteira deportiva pontevedresa goza dunha saúde envidiable. Así se viu durante estes días na cidade portuguesa de Guimaraes.

A última alegría, como sinalamos, déronnola as mozas do baloncesto. Venceron ao equipo de Barcelos por 36-10. Foi un partido perfecto das pontevedresas que, aínda que cun cansazo acumulado moi importante, fixeron un gran esforzo para, desde un primeiro momento, non perder a concentración e dominar o encontro de principio a fin.

Menos sorte tivo o equipo de voleibol feminino. Disputábanse tamén o bronce na última xornada destes xogos, pero no seu caso non lograron o seu obxectivo. Perderon na final de consolación co Familacao por 2-0 (25-5 e 25-16). Foi un partido onde, como adoita ser, gañou o mellor, as pontevedresas intentaron no segundo set apertar á portuguesas pero sen resultado positivo. Finalizan así, en todo caso, nun notable cuarto posto.

A participación de Pontevedra na competición deste último día dos Xogos do Eixo Atlántico completouse coa vitoria do equipo de Fútbol 7 por 7-1 ante os portugueses de Peso da Regua, finalizando o torneo en undécima posición. Ademais, un dos integrantes do equipo de atletismo rozou as medallas. Quedou cuarto na súa proba.