Pontevedra pasa con nota a inspección da Unión Europea de Ciclismo de cara ao Campionato de Europa de Ciclocrós 2024

Pontevedra
12 de xullo 2022

"Encantoulles o circuíto, a zona e a cidade", sinalou a PontevedraViva o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, tras a visita á cidade dos presidentes da Unión Europea de Ciclismo e da Federación Española

O alcalde, cos presidentes das federacións Galega, Española e Europea de ciclismo
O alcalde, cos presidentes das federacións Galega, Española e Europea de ciclismo / PontevedraViva

A Illa das Esculturas gusta "moito" á Unión Europea de Ciclismo como escenario do Campionato de Europa de Ciclocrós que se celebrará en Pontevedra en 2024.

Así o recoñeceu este marte o seu presidente, Enrico Della Casa, nunha visita á cidade para inspeccionar as instalacións e lugares da proba na que estivo acompañado polos presidentes das federacións Galega e Española de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz e José Luis López Cerrón, por técnicos municipais e finalmente polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

"Encantoulles o circuíto, a zona e a cidade", recoñece Juan Carlos Muñiz despois dunha visita que deixou un bo sabor de boca.

O Campionato de Europa de Ciclocrós terá lugar os días 2 e 3 de novembro de 2024, un evento deportivo de primeira magnitude, e é que tal e como sinalou Enrico Della Casa na recente firma do convenio con Pontevedra "foi seguido o ano pasado por once millóns de espectadores".