"Queremos apostar por deportes emerxentes como o fútbol gaélico", recoñecía este xoves a concelleira de grandes eventos deportivos de Pontevedra, Anabel Gulías, unha aposta que se fará realidade en 2020 cun campionato de gran magnitude.
Trátase da segunda edición oficial do Campionato de Europa de Fútbol Gaélico, que terá lugar entre os días 17 e 19 de xullo na Xunqueira.
Este deporte amateur, orixinario de Irlanda, conta cunha importante implantación en Galicia, ata o punto de contar coa única Selección Galega oficial que compite a nivel internacional.
No Europeo poderán participar equipos compostos por xogadores non irlandeses, estando previsto que se reúnan en Pontevedra preto de 300 futbolistas tanto en categoría masculina como feminina.
"A inscrición abrímola en xaneiro, pero o noso obxectivo é contar con 8 ou 9 equipos por categoría", recoñeceu a PontevedraViva o presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, Ángel Negrete.
Espérase a presenza de seleccións nacionais e rexionais, xa que a federación de gaélico recoñece como oficiais diversas rexións europeas, como os equipos de Francia, Alemaña, Bretaña (Francia), Gascuña (Francia), Benelux ou Iberia (Península Ibérica). A lista podería ampliarse con Italia, Escocia ou países como Dinamarca e Polonia, ademais de Arxentina para participar no torneo como convidada.
O Campionato de Europa de Fútbol Gaélico, do mesmo xeito que o Mundial no que competiu en varias ocasións a Selección Galega, disputarase en formato de 9 xogadores e con partidos de 25 minutos. Serán tres xornadas de intensa competición con fase de grupos e cruces eliminatorias ata as finais previstas para o domingo 17 de xullo.