Pontevedra non falla á súa cita co calendario de competicións da Federación Española de Tríatlon

Pontevedra
07 de xaneiro 2020

A cidade acollerá a finais do mes de setembro o Campionato de España de Tríatlon Contrarreloxo Individual. Farao por segundo ano consecutivo, xa que en 2019 esta competición estreouse coincidindo co Pro Tour celebrado tamén en Pontevedra

Campionato de España de Tríatlon por Clubs 2017 en Pontevedra
Campionato de España de Tríatlon por Clubs 2017 en Pontevedra / Diego Torrado

En 2020 Pontevedra non fallará á súa cita co tríatlon organizando varias competicións e estando presente no calendario da Federación Española de Tríatlon como unha das súas sedes preferentes.

Tras acoller o pasado ano o maior evento da súa historia co ITU Multisport que supuxo a celebración de ata cinco campionatos mundiais, e tamén acoller a estrea dunha carreira como o Pro Tour, a  Boa Vila atópase en 2020 ante un ano de transición cara a novos obxectivos, como o anunciado de tentar acoller a Gran Final das Series Mundiais en 2023.

Mentres ese momento non chega a cidade volve figurar como sede dun campionato nacional, en concreto do Campionato de España de Tríatlon Contrarreloxo Individual, que terá lugar a finais do mes de setembro (día 27).

Así figura xa no calendario federativo da tempada que está a piques de comezar e nas circulares relativas ás competicións de ámbito estatal.

Trátase da segunda edición desta carreira, deseñada para os grupos de idade, e será a segunda vez que se dispute en Pontevedra tras a súa estrea dentro da programación do Pro Tour o pasado mes de outubro.

O Nacional Contrarreloxo Individual, a semellanza das probas ciclistas, supón a saída uno a un de cada participante para completar no menor tempo posible o percorrido, neste caso en distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé). Todo iso para deportistas desde os 15 anos agrupados en diferentes categorías en función da súa idade (15-17 anos, 18-19 anos e cada 5 anos desde os 20).

Xunto a esta competición, está previsto que a XX edición do Tríatlon Cidade de Pontevedra, previsto para o día 22 de agosto, teña catalogación de Campionato Galego Absoluto.