A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon teñen "moitas posibilidades" de volver a Pontevedra no ano 2026.
Así o asegurou este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tras confirmar a presentación da candidatura da Boa Vila para organizar de novo o maior evento do tríatlon internacional tras a exitosa edición de 2023.
Os plans de Pontevedra pasaban por optar á edición de 2027, pero "na Federación Internacional dixeron que tiñamos máis posibilidades no 26", explicou o rexedor. Ademais "adiantar ao 26 implica que hai interese da Federación Internacional e confían en Pontevedra".
A decisión sobre a elección sede da Gran Final de 2026 "é inminente", avanza Lores, xa que previsiblemente se tomará estes días coincidindo coa celebración en Málaga (Torremolinos) da cita decisiva desta tempada.
"Hai outras cidades interesadas", confirma Fernández Lores citando o interese de Budapest ou de Sardeña, pero a confianza en ser designada de novo como sede é máxima.
Sería a terceira vez que España acolla a Gran Final das Series Mundiais, o evento estrela do tríatlon olímpico sen contar os propios Xogos. A primeira foi a edición de Pontevedra en 2023, tomando Málaga a testemuña este ano 2024, mentres que en 2025 a sede será Wollongong (Australia).
Unha cita que chegaría ademais despois de que o próximo ano a Boa Vila acolla tamén por segunda vez os Campionatos do Mundo Multideporte.
Segundo as previsións que manexa o Concello de celebrarse a Gran Final en 2026 competirían nela ao redor de 5.000 deportistas, unha cifra maior que a de 2023 xa que se ampliaron as categorías de grupos de idade e deuse entrada ás probas de remudas mixtas.