Con optimismo. Así encara Pontevedra a súa candidatura a albergar en 2026 e por segunda vez na súa historia a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon.
A decisión, tal e como avanzou o alcalde, é "inminente". Tanto que está previsto que se tome estes días coincidindo coa celebración da Gran Final 2024 en Torremolinos, Málaga.
Alí o Palacio de Congresos da localidade acollerá o luns 21 de outubro o XXXVII World Triathlon Congress da Federación Internacional, unha cita na que se debe elixir ademais novo presidente da institución poñendo fin á etapa no cargo da española Marisol Casado.
Dese congreso, ou mesmo dalgunha das comisións e grupos de traballo que se celebran de maneira paralela, sairá previsiblemente a designación da sede para 2026 da final do Campionato do Mundo, á que aspira a cidade do Lérez e tendo en conta que a de 2025 está xa concedida á cidade australiana de Wollongong.
Por ese motivo, e aínda que non era o motivo inicial da viaxe, unha delegación de Pontevedra desprazarase até Torremolinos.
Enbacezada pola concelleira de Deportes, Anabel Gulías, esa expedición da Boa Vila promocionará en Málaga entre as federacións nacionais de todo o planeta os Campionatos do Mundo Multideporte de 2025, aínda que o fará agora con ollo posto nos que pase nos despachos, xa que en xogo estará poder acoller de novo o maior evento do tríatlon mundial prolongando un ano máis o idilio da cidade con este deporte.