O Pontevedra Club de Fútbol está nun momento da tempada "ilusionante e bonito", non só por regresar todo o máis alto da clasificación en Segunda RFEF, senón polo estilo de xogo e o dominio que xera partido tras partido.
Para Yago Iglesias, este momento hai que recibilo "cos brazos abertos e cunha mentalidade positiva. Xogámonos algo moi bonito, que é gañar unha liga e é moi exixente a nivel mental. Temos que ter concentración e saber que un mínimo erro pode botar por terra todo", sinalou.
En relación ao partido fronte ao Guijuelo deste domingo, para o técnico granate o seu equipo foi superior, sobre todo durante a primeira metade. Eles, na única ocasión que teñen "é por un erro noso" e, na segunda, "teñen dúas chegadas. Unha acaba en nada e outra na que Yelko fai un gran esforzo defensivo e defende a chegada do xogador rival".
O resto do partido "foi control noso. Xogamos moito en campo contrario e xeramos ocasións suficientes para que o resultado fose máis avultado, pero non consegues meter o segundo gol e o rival chega vivo aos minutos finais". Por iso, para Iglesias, o máis positivo do partido "son o tres puntos".
Trátase de tres puntos que chegan, quizá, nun dos mellores momentos, e é que, tras a derrota da semana pasada, o Pontevedra necesitaba gañar si ou si. "Somos conscientes da dificultade que ten gañar fóra da casa e hai que saber a igualdade que hai nesta liga", por iso hai que darlle importancia tanto a "puntuar na casa como ao nivel de xogo e resultados" que están a ter os granates.
Con todo, a pesar diso, o adestrador botou en falta que o seu equipo marcase máis goles e deixase o partido sentenciado antes do asubío final, valorando a portaría a cero e a importancia de gañar.
Neste sentido, para Iglesias, a pesar de que o campo estivo mellor que noutras ocasións, "estivo seco na primeira parte e impedíanos circular o balón rápido", indicou. Ademais, o Guijuelo estivo "nun posicionamento de bloque baixo e a maneira de contrarrestalo é xogar a pelota rápido e facer cambios de orientación. Xa na segunda, tivemos varias opcións, pero non acabamos de sacar vantaxe por erros na toma de decisión e na execución".
Agora, o Pontevedra debe centrarse no enfrontamento da xornada que vén fronte ao Real Avilés, que se disputará tres días antes do que sen dúbida será o partido da tempada fronte a un Numancia co que "estamos nun man a man".
O que está claro é que os granates van prepararse "o mellor posible" para chegar á data "con algún puntiño de diferenza" e así afrontar o que resta de liga coa tranquilidade de poder permitirse algún que outro descoido.