O Pontevedra Club de Fútbol segue líder da clasificación despois de superar á Gimnástica de Torrelavega por 2-1. O conxunto granate foi dominador do encontro, pero non foi até a segunda metade cando quedou patente a súa superioridade, pechando o ano ante a súa afección sumando outro tres puntos cos que prolonga o seu gran momento.
Saltou o Pontevedra ao terreo de xogo coas ideas claras do que debía facer para manter o liderado. Saíu a por todas e non tardou en xerar perigo en área rival cun disparo de Dalisson ao pau.
Foi só o primeiro aviso do que ía acontecer minutos despois, e é que os granates continuaron asediando a portaría rival en busca dun primeiro gol que os puxese por diante.
Tivo nas súas botas Chiqui o tanto ao oito minutos de xogo, pero Luís Palomeque, cunha gran estirada, evitouno. O balón chegoulle a Samu en segunda xogada, pero o seu disparo foise bambo e atrapouno sen problemas o gardameta visitante.
Continuou o Pontevedra ameazando en campo rival e volveu ter antes do cuarto de hora dúas accións claras coas que abrir o marcador, as dúas por medio de Yelko. A primeira delas despexouna un defensor practicamente sobre a liña, e a segunda foi un remate de cabeza a un centro de Fontán que se foi alto.
A seguinte acción de perigo do conxunto lerezano non tardou en chegar. Esta vez foi Rufo o que rematou demasiado forzado un centro raso de Dalisson, pero de novo apareceu Palomeque para evitar o gol.
Pasado o ecuador do primeiro tempo, o Torrelavega causou certos problemas á zaga do Pontevedra cun rápido contragolpe, pero o equipo repregou ben e de maneira ordenada para desbaratar o posible perigo sobre a portaría de Edu.
A medida que avanzaron os minutos o partido foise arrefriando e as ocasións desapareceron, chegando ao descanso cun 0-0 e as espadas no alto.
A segunda parte empezou da mesma maneira que a primeira, cun Pontevedra facéndose coa posesión do esférico e tentando xerar perigo en portaría rival.
E a primeira ocasión non tardou en chegar por medio dun Xabi que facía o que quería por banda dereita. Foise do seu par, correu até o fondo e centrou a Dalisson, pero o seu remate foise rozando o lateral da portaría visitante.
Moveu entón ficha Yago Iglesias e sentou ao 17 para dar entrada a Álex González. O capitán pasou a ocupar a banda esquerda e Chiqui moveuse á dereita. Minutos despois, o técnico granate fixo un triplo cambio. Sentou a Rufo, Chiqui e Fontán e meteu a Charly, Iago Novo e Garay.
E así, en menos de 5 minutos o choque cambiou por completo. Yelko cazou o balón en tres cuartos de campo e meteulle o pase a Dalisson, quen desde o vértice da área sacou un potente disparo que un defensor desviou ao interior da rede para facer o 1-0.
Sen tempo para a reacción, Garay meteuse só en área rival e co exterior puxo o balón no pau dereito do porteiro, subindo o 2-0 co que desatou a tolemia na parroquia lerezana. 10 minutos despois, Charly puido sentenciar o encontro, pero o seu disparo cruzado deu na madeira.
Aínda quedaba duelo por disputarse e o Torrelavega non quería dalo por perdido. Aproveitou que o Pontevedra se relaxou para, na súa única chegada a área granate, reducir diferenzas por medio de Saúl García e así chegar vivo á recta final, pero os granates souberon aguantar o asedio rival no tempo engadido para sumar outro tres importantes puntos para seguir líderes da táboa.
PONTEVEDRA CF: Edu Sousa, Javi Fontán (Garay, min. 65), Mario Gómez, Rufo (Charly, min 65), Yelko, Chiqui (Iago Novo, min. 65), Samu Mayo, Xabi (Álex González, min. 55), Dalisson, Pelayo e Héctor (Igor, min. 75).
RS GIMNÁSTICA TORRELAVEGA: Luís Palomeque, Puras, M. Gándara, Alberto, Edu Bedia (Nico Toca, min. 75), Juli (Guitián, min. 56), Primo (Tobar, min. 25), Jesús R., Iago Parga (Nico Cobo, min. 75), Santamaría e Samu Pedraja (Saúl García, min 56).
Árbitro: Juan Francisco Morato Vega, (A Rioxa), auxiliado nas bandas por Jesús Solís Cameán e Raúl García Veiras. Amoestou a Xabi (41'), Fontán (64') e a Yago Iglesias (90+2) no Pontevedra; e a Iago Parga (15'), Edu Bedia (28'), Gándara (38') no Torrelavega.
Goles: 1-0, Dalisson, min. 68. 2-0, Garay, min. 72. 2-1, Saúl García, min. 89.
Incidencias: Partido da xornada 16 de liga na Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 2.417 espectadores.