Pontevedra goza coa emoción da Copa de España de ciclismo feminino

Pontevedra
27 de marzo 2022

A emoción do mellor ciclismo encheu de cor as localidades de Pontevedra e Marín. Entre ambas, a través dun circuíto circular a beiras da ría, disputouse este domingo a segunda proba da Copa de España feminina. A gran vencedora da carreira foi a ciclista alemá Ricarda Bauerfeind

Proba da Copa España de ciclismo feminino disputada en Pontevedra
Proba da Copa España de ciclismo feminino disputada en Pontevedra / Cristina Saiz

A emoción do mellor ciclismo encheu de cor as localidades de Pontevedra e Marín. Entre ambas, a través dun circuíto circular a beiras da ría, disputouse este domingo a segunda proba da Copa de España feminina.

A gran vencedora da carreira foi a ciclista alemá Ricarda Bauerfeind, do equipo Canyon-Sram, que foi a máis rápida en completar os 99 quilómetros da carreira.

Iso si, fíxoo tras gañar ao sprint á tamén alemá Nadine Gill (Sopela), actual líder do circuíto, e á española Idoia Eraso (Laboral Kutxa), que a acompañaron no podio.

A de Pontevedra foi unha carreira espectacular, na que as participantes impuxeron un forte ritmo nos quilómetros iniciais, o que dificultou as escapadas.

Non foi ata a primeira subida ao Alto da Porteliña cando frutificou un destes ataques, con ata 18 ciclistas, entre elas as grandes favoritas salvo a líder da categoría sub23 Catalina Soto (Bizkaia-Durango).

No segundo paso por este porto de montaña, a proba xa foi cousa de tres e o título decidiuse ao sprint na meta situada na avenida das Corbaceiras, onde chegaron con 50 segundos de vantaxe sobre as súas perseguidoras.

A primeira corredora do Team Farto, o equipo local, en entrar en meta foi a canadense Marie-Soleil Blais, que foi duodécima a 1:20 da gañadora. Tras ela chegaron Marta Romeu (19º a 2:05) e Margalida Capella (25º a 2:07).

Por equipos, as pontevedresas quedaron na oitava posición da xeral.

A clasificación da proba pode consultarse nesta ligazón.

CARRERA JUNIOR E MASTER

A proba de Pontevedra incluíu ademais carreiras en diversas categorías como a junior, na que gañou Laia Bosch (Ataraxia) por diante de Eneritz Vadillo (Seguros Bilbao-Miribilla) e Carolina Leonardo (Río Miera). Sonia Domínguez, do Team Farto, foi décimo sexta.

En categorías máster, as vitorias foron para Rocío Martín (M30), Carolyn Gaskell ( M40) e Raquel Montañés (M50), mentres que na proba cadete o triunfo foi para a navarra Paula Ostiz, que cruzou a meta en solitario antes que a galega María Filgueiras.