Coa máxima ilusión. Así afronta o Pontevedra Club de Fútbol o partido de oitavos de final da Copa do Rei contra o Getafe deste mércores 15 (19.30 horas) en Pasarón.
"Chegamos até aquí en base á ilusión, en base a gozar da competición, e sería un erro pasar á presión", defendeu en rolda de prensa Yago Iglesias de cara a un partido que afrontan como un premio, e deixando o favoritismo como non podía ser doutra forma ao equipo de Primeira División.
Iso non quita que "con toda a ilusión do mundo, coas nosas armas, coa nosa idea que, evidentemente, non vai cambiar, imos competir e a tentar coa axuda de toda a xente que veña, dar guerra e por que non, volver vivir unha noite bonita e máxica", afirmou o técnico granate.
Yago recoñeceu ademais que non sabe que Getafe esperar, tras unha primeira rolda copeira na que "optaron por xogadores entre comiñas de segunda liña dentro do seu plantel" e unha segunda ante o Granada na que "sacaron un equipo que podería ser perfectamente titular en Primeira División".
O preparador granate eloxiou, iso si, a un rival que da man de Bordalás no banco "non creo que sexa un equipo tan defensivo como din".
"Paréceme un rival moi complexo á hora de superar porque é un equipo que ten calidade individual, ofensiva e defensiva, ten moita orde, ten uns automatismos que son moi complexos de de bater", analizou Iglesias.
Por ese motivo "cando nos toque defender temos claro que imos ter que facelo como nos anteriores partidos desde o colectivo. Seguramente os duelos individuais non sexamos mellores que eles, é a realidade, polo que unha vez máis necesitamos competir como equipo e xogar como equipo, e aí é onde unha vez máis vai ser parte fundamental a afección".
Yago Iglesias afirmou tamén que "hai que facer un pouco encaixe de palillos" en canto á aliñación a sacar pensando tamén no duelo ligueiro da fin de semana contra o Compostela, aínda que nese once estarán seguro os dous sancionados en liga (Pelayo e Samu Mayo) e un Manu Vizoso que gañou con suor ter continuidade en Copa. "Manu é o elixido para xogar esta competición, até onde cheguemos a xogar a el sempre", sinalou deixando aberta a posibilidade no futuro de empezar a rotar con Edu Sousa nos partidos de liga.
A LESIÓN DE CHIQUI, UNHA MICRO-ROTURA
O adestrador do Pontevedra confirmou tamén na súa comperecencia a lesión que finalmente padece Chiqui, sufrida no duelo de Copa contra o Mallorca o pasado 3 de xaneiro.
"En principio é un micro-rotura", avanzou Iglesias.
"As súas sensacións son boas, pero hai uns tempos pautados e establecidos", sinalou sobre un período de convalecencia que podería prolongarse até final do presente mes de xaneiro.