Un Pontevedra fiel ás súas ideas: "Non imos cambiar a nosa maneira de xogar porque o rival sexa de Primeira"

Pontevedra
03 de decembro 2024
Actualizado: 14:04

O adestrador granate, Yago Iglesias, asegura que serán valentes contra o Villarreal na Copa do Rei e confirma que "optaremos por seguir rotando" no once inicial

Yago iglesias, adestrador do Pontevedra CF
Yago iglesias, adestrador do Pontevedra CF / Mónica Patxot

Sexa quen sexa o rival, o Pontevedra Club de Fútbol irá coas súas ideas até o final.

Así o asegurou este martes o adestrador granate, Yago Iglesias, a un día de recibir o Villarreal na segunda rolda da Copa do Rei, un rival de Primeira División e que aspira a clasificarse para Europa.

"Non somos un equipo que vaiamos meternos atrás, nin somos un equipo que vaiamos cambiar a nosa maneira de xogar porque o rival sexa de Primeira División", afirmou o técnico.

Yago confirma ademais que "optaremos por seguir rotando, por seguir dando minutos a xente que non participou de inicio o domingo contra o Salamanca", aínda que "sacaremos, como sempre, o once máis competitivo posible".

Nesa aliñación non estará, tal e como estaba previsto, Jesús Cambil, pendente das probas ás que foi sometido o luns pola lesión sufrida no seu xeonllo no último encontro de liga.

"Ten sensacións malas", avanza o adestrador granate, asegurando que é unha baixa que "nos trastorna, pero non só para este partido, senón para o que é importante para nós que é a liga".

En canto ao rival, cre o técnico que virá sobre aviso tras o sucedido en primeira rolda co Levante, polo que "estamos convencidos de que o Villarreal virá coas ideas claras do que se vai atopar e nolo porá máis difícil".

Un plantel, o do Submarino Amarelo, integrado por "xogadores de altísimo nivel, non os imos a descubrir", aínda que iso ten "unha parte positiva, que nivel motivacional para nós é un partido chulo, é un partido bonito,
que o equipo está a desexar xogar".

Ademais, recoñece esperanzado Yago Iglesias, "se algo ten bonito este deporte, que non se dá en moitos outros, é que un rival de inferior categoría pódelle competir, mesmo lle pode gañar a un rival de superior categoría. Xa o demostramos na anterior eliminatoria e esa é a nosa ilusión e o noso motor", concluíu o preparador do equipo pontevedrés.