O Pontevedra ficha o central Pelayo Suárez

Pontevedra
28 de outubro 2024

O futbolista asturiano, de 26 anos, atopábase sen equipo tras a súa saída o pasado verán do Rayo Majadahonda e chega a Pasarón para cubrir a baixa por lesión de Churre

Pelayo Suárez, novo xogador do Pontevedra CF
Pelayo Suárez, novo xogador do Pontevedra CF / Pontevedra CF SAD

Novidade en forma de fichaxe no Pontevedra Club de Fútbol.

O club granate anunciou este luns a incorporación até final de tempada de Pelayo Suárez.

Central asturiano, de 26 anos de idade, atopábase sen equipo desde a súa saída o pasado verán do Rayo Majadahonda.

Chega a Pasarón para cubrir a baixa por lesión de longa duración de Churre, que deixara mermado de efectivos o eixo da zaga.

Pelayo formouse na canteira do Real Sporting, chegando a participar varias tempadas en Segunda B co seu  filial e mesmo debutar co primeiro equipo.

Tras abandonar Xixón pasou por equipos de Primeira RFEF como SD Logroñés, Sabadell e o citado Rayo Majadahonda.

Coa súa chegada o Pontevedra cobre unha das dúas fichas sénior que aínda tiña dispoñibles e sen ter que esperar á apertura do mercado de inverno.

Por unha banda porque se trata dun xogador en paro e ademais por poder utilizar o lugar de Churre ao tratarse a súa lesión dunha doenza de longa duración, xa que non está previsto que volva xogar esta tempada.

O futbolista, xa en Pontevedra, pousou este luns coa camiseta granate sobre o céspede do Estadio Municipal de Pasarón.