A só uns días para a celebración do Campionato do Mundo de Dúatlon (sábado 31 de maio e domingo 1 de xuño) a cidade de Pontevedra empeza a respirar aroma deportivo polos seus catro costados.
Á chegada dos primeiros deportistas súmanse os preparativos por parte da organización que empezan a ser visibles.
Por unha parte comezáronse a instalar valos ao longo do percorrido, avisando das restriccións de circulación e aparcadoiro, que empezan no segundo dos casos este xoves dentro do ambicioso plan de tráfico elaborado para o evento.
Ademais os traballos céntranse en habilitar a oficina do Mundial no Pazo da Cultura e acondicionar o Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
En total, entre a competición Elite e os Grupos de Idade serán máis de 1.500 os atletas que participen nun Campionato do Mundo que bateu as súas mellores cifras de inscrición.