A tempada de ciclocrós está aquí, e empeza con emocións fortes nas súas primeiras citas oficiais con Pontevedra e Poio como sedes.
O V Ciclocrós Cidade de Pontevedra e o IV Ciclocrós Poio Móvese abrirán o sábado 2 e o domingo 3 de outubro o calendario galego da especialidade, como aperitivo ademais a Copa de España de nivel internacional C-1 que se celebrará só uns días despois na Illa das Esculturas, o sábado 9 de outubro.
En canto á primeira cita, o sábado 2, do mesmo xeito que nos últimos anos terá como escenario o Hipódromo de Campañó, sendo a primeira carreira puntuable para a Copa Galicia.
Nun circuíto de 2.650 metros competirán desde as 14.30 horas da tarde ciclistas desde a categoría cadete, pasando pola júnior, elite e sub-23 e as categorías máster, todo baixo a organización do Club Deportivo Pinarium.
Pola súa banda o domingo 3 o Poio Bike Club impulsa a cuarta edición do Ciclocrós Poio Móvese, na zona da Seca e desde as 9.30 horas da mañá, tamén como cita puntuable para a Copa Galicia da especialidade.
Ambas as dúas probas deportivas foron presentadas oficialmente este mércores, coa previsión de contar con máis de 300 deportistas cada unha.