Pontevedra e Ourense fusionan os seus equipos sénior de waterpolo feminino

Pontevedra
14 de setembro 2021

Ambas as entidades asinaron un acordo a través do que as xogadoras sénior do cadro ourensán son cedidas ao equipo pontevedrés para disputar as competicións oficiais autonómicas ou estatais

Pontevedra e Ourense fusionan os seus equipos de waterpolo feminino sénior
Pontevedra e Ourense fusionan os seus equipos de waterpolo feminino sénior

O CW Pontevedra e o CW Pavillón Ourense integrarán os seus equipos de categoría absoluta feminina para competir na liga Galega de Divisón de Honra. O acordo subscrito entre os presidentes de ambas as entidades, José Tellería e Alejandro García, supón un paso máis na liña de cooperación que ambos os clubs manteñen para potenciar e mellorar tanto o nivel de competitividade dos seus deportistas e equipos como as propias estruturas deportivas.

O primeiro paso cara a esta fusión deuse durante a pasada tempada. O club ourensán aproveitou a baixa do cadro pontevedrés pola covid-19 para solicitar a cesión de catro xogadoras do equipo lerezano para disputar tanto a liga como a copa.

Agora, coa nova tempada ao virar a esquina, o obxectivo de ambas as entidades pasa por disputar todas as competicións oficiais que se organicen a nivel autonómico.

O acordo baséase en cinco puntos. En primeiro lugar, unificar os equipos de categoría feminina absoluta do CW Pavillón Ourense e CW Pontevedra nun único club desde o punto de vista da competición oficial da tempada 2021-22, tanto a nivel autonómico como en posibles competicións estatais. Ademais, as deportistas de cada un dos clubs terán a súa correspondente licenza federativa vixente para esta tempada co seu club de orixe inicial.

A unión a efectos competitivos materializarase mediante a cesión por parte do CW Pavillón Ourense das xogadoras con licenza en vigor ao CW Pontevedra para que na tempada 2021-22 compitan na liga Galega Feminina de División de Honra como integrantes do equipo feminino absoluto pontevedrés.

Así mesmo, ao longo da tempada realizaranse adestramentos conxuntos, especialmente os venres e fins de semana, sempre que o calendario o permita tanto en Pontevedra como en Ourense en función da dispoñibilidade de instalacións co obxectivo de equilibrar e repartir o número de desprazamentos e custos,

En principio, os partidos que se disputen como locais en competición oficial celebraranse en Pontevedra, pero pódese expor a posibilidade de disputar algúns encontros na piscina Rosario Dueñas de Ourense para favorecer tamén a visibilidade do waterpolo feminino na cidade ourensá.